Saltar ao contido

Modus operandi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modus operandi é unha locución latina que significa literalmente "modo de operar". Refírese ao xeito de proceder dunha persoa ou dun grupo de persoas. É unha expresión latina de uso frecuente tanto en galego como noutras linguas occidentais. O plural é modi operandi ("modos de funcionamento"). Na linguaxe común, esta expresión refírese ao xeito habitual ou característica de actuar dunha persoa ou dun grupo, e pode ser utilizada en numerosos contextos: organizacional, loxístico, profesional e científico.

En criminalística, úsase para referirse a como actuou o delincuente nunha ou diversas ocasións, así como para establecer unha pauta de comportamento en diversos crimes dunha mesma persoa; en concreto, refírese ao modo de funcionamento típico dun criminal, e aos xeitos de reaccionar fronte ás situacións.

A expresión utilízase a miúdo no traballo da policía cando se fala dun delito e de facer fronte aos métodos empregados polos delincuentes. Tamén se utiliza en perfís criminais, onde pode axudar na procura de pistas sobre a psicoloxía do delincuente. Consiste, basicamente, no exame das accións utilizadas polo individuo para executar o crime, evitar a súa detección e/ou facilitar o escape. O modus operandi dun sospeitoso pode axudar á súa identificación, aprehensión, ou represión, e tamén pode utilizarse para determinar os vínculos entre os crimes.[1][2][3]

No mundo empresarial, o modus operandi utilízase para describir o medio preferido dunha empresa para facer negocios e a interacción con outras empresas.

  1. ↑ Análisis de escenas de crimen violento: Modus operandi, firma y escenario Arquivado 22 de outubro de 2013 en Wayback Machine., sitio web cienciaforense.com, traducido por Malena González de León.
  2. ↑ Perfil psicológico criminal Arquivado 22 de outubro de 2013 en Wayback Machine., Jorge Jiménez Serrano.
  3. ↑ El perfil criminológico Arquivado 17 de xaneiro de 2014 en Wayback Machine..

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]